Título: Caída Autor: Suso Bahamonde Limiar: Xaime Trillo Este que agora arde nas túas mans coma un incendio, co lume –purificador en tantas culturas- que devora e que cura, é o novo libro de Suso Bahamonde. No oficio ao que o autor se entregara nos días e nas noites de Compostela, os últimos anos do pasado século, acada agora categoría de artesán maior, con poemas de formas estremadas. O autor xa nos deu dous libros máis. O primeiro, Óxido nas flores da tarde , xorde na época compostelá, entre viños e conversas, e nel un Suso moi noviño e bukowskián desátase nun conxuro contra a realidade, sempre contraria do desexo, e deixa ver, xa, un pouco do fulgor que agora nos deslumbra. Tamén nos descobre a súa paixón polo cinema, que dende entón será unha constante no seu discurso. Tanto no cinema coma na música e na literatura, el sabe facer boas amizades, imprescindibles para aturar a travesía. Despois de anos de silencio o Suso convocounos para un segundo libro, Expansi...