O VALOR DA POESÍA
Título: Independencia
Autor: Alfonso Rodríguez
Editorial: M Editora
Título: Independencia
Autor: Alfonso Rodríguez
Editorial: M Editora
Vivimos unha sociedade que avanza irremisibelmente cara á
descivilización, que diría Manuel Rivas. O certo é que o que deica agora
entendiamos como valores sociais están sendo substituídos por
contravalores que se sitúan nos seus antípodas. Así a solidariedade está
a ser substiuída pola insolidariedade, non hai máis que ver o que pasou
en Italia coa crise dos refuxiados. E aquí, en Hespaña, hai quen
demanda unha memoria histórica “que non mire cara atrás”, logo entón
deixaría de ser histórica. E neste clima social vive o poeta. Nunha
sociedade que reivindica os dereitos históricos de Galiza como nación,
mais de xeito insuficiente, nunca se chega a establecer como unha
maioría social que domine en San Caetano, mentres estamos a ver o que
sucede en territotios irmáns como Catalunya e Euskadi. Así as cousas a
independencia mantense para nós coma unha utopía. Mais agora temos que
entender “independencia” cun valor moito máis amplo.
Porque Alfonso Rodríguez non escribiu un poemario político ao uso. Si
fala de política ás veces, coma no poema dialogado entre Suárez e
Tejero. Mais na inmensa maioría dos casos a opción política paira sobre
os textos coma unha posíbel opción, non pasa de aí e porque o título o
indica. Ou si, porque “independencia” tamén o temos que entender como a
non dependencia dese estado social alienante. E é precisamente con este
segundo significado co que nos temos que quedar. O autor preséntanos
unha realidade que é “unha tumba de soños” (38). Se fora narrativa
falariamos de algo parecido á realidade suxa, porque é unha realidade
corrompida, próxima do caos mais que se presenta como unha “tómbola da
luz e de color” (38). E non deixa de ser así para moita xente, inclusive
a propia voz poética. Aínda que só sexa polo moito que lle inisten
niso. E a sabendas de que a realidade é “final de contenda” (38) nesa
loita que a voz poética mantén por non sentirse asoballada.
Neste estado de cousas non abonda nin a poesía. “Se vos puiderades refuxiar / nos poemas / migar cara os versos (…) / Mais o alento das metáforas non basta” (39) Porque a realidade pesa moito nunha realidade baseada nas estatíticas, nas matemáticas, que empurran a xente “á ignorancia / e á morte capital! (39).
Con todo é un refuxio necesario e útil para a voz poética, así o
demostra co propio poemario. Un poemario complexo, que tanto dá cabida a
poemas dun só verso como a outros longos, onde lembra cando de mozo era
positivista, mais ese positivismo foille arrincado pola realidade até
sentirse “no abismo de nunca xamais” (36) e xa case non lembra
cando era así. Con todo, a poesía para a voz poética non deixa de ser
revelación, por entre os xogos de palabras e conceptos, a luz da poesía
agroma, nunha manifestación insuficiente, iso si, mais necesaria nunha
sociedade que ten de todo, mesmo fascismos de todas as colores, vellos e
novos fascismos, “medios de comunición case fascistas / e case medios de comunicación” (44).
Refuxiándose no sentido do humor, a voz poética, “sapiens sumisus (M.M)”
(62) aboia entre a a soidade e a solidariedade, nunha loita íntima
contra a desesperación na que a utopía, a vella utopía, ten o valor
dunha áncora en mar revolto. Aínda consciente de que “a maioría do pensamento que produzo é spam”
(69), a poesía sérvelle para saber cal é o seu lugar neste mundo, aínda
que sexa para decatarse de que o único que fai é criticar todo o que
ve, todo o que sente, inclusive el mesmo. Quizá lle cumpra tamén certa
independencia tamén para iso. Sen dúbida cómprelle como maneira de
alonxarse e ter mellor perspectiva. Certa independencia de todo o que o
rodea tamén porque non se sente identificado con nada, a non ser o
sentido lúdico/lírico da poesía, esa maneira de repensar o mundo e
soñar. Soñar con esa utopía liberadora, aínda consciente que “de aquí á treboada hai un lustro”
(70) algo ten que facer mentres agarda e nada mellor que facer poesía,
aínda que sexa unha poesía descrida de todo mais que lle permita ter
claro cal é o obxectivo “ que non é outro que o lóstrego irredento / que de paso a ese instante de auténtica liberdade” (70)
ASDO: Xosé M. Eyré
Comentarios
Publicar un comentario